lunes, 27 de julio de 2020

A Agrupación Teatral Mariñán condecorada co premio "GARELO 2020".


Os premios “ Garelo”, son o máximo recoñecemento que concede o Concello de Betanzos cada dous anos a betanceiros ou betanceiras que destacan na súa traxectoria ou ben a nivel individual ou ben a nivel colectivo en cultura, deporte e en comercio e industria.

Neste 2020, en Cultura o premio é para a Agrupación Teatral Mariñán, que empezou a súa traxectoria no 1994 como  unha solución para que os estudantes que cursasen esta materia no instituto Francisco Aguiar seguisen ligados ao mundo do teatro.  Desde entón, moitos betanceiros/as pasaron por esta agrupación que pouco a pouco foi evolucionando dun grupo de estudantes, ata un grupo de afeccionados alá polo 2003.

O actual elenco formado por 4 compoñentes cobra estabilidade no 2008, o que conleva unha evolución na forma de actuar e na propia selección e creación de obras. Este novo formato e a boa sintonía entre membros, refórzase coa chegada dos primeiros premios e recoñecementos de diferentes certames por toda Galicia.
No 2010, a ATM dá un paso máis, e grazas á axuda do Concello de Betanzos, poñen en marcha o "Encontro de Teatro Afeccionado de Betanzos" que nace coa vocación de promover o teatro, de contribuír á mellora da oferta cultural aos veciños de Betanzos e de potenciar a divulgación das compañías teatrais afeccionadas.
O éxito do Encontro aumenta ano tras ano, tanto no incremento de compañías interesadas en participar, como na afluencia de público, que tódolos sábados de febreiro enche a Aula de Cultura, facendo que o nome de Betanzos sexa unha referencia no teatro afeccionado galego actual.

A Agrupación Teatral Mariñán queremos agradecer ao Concello de Betanzos e ao noso público o seu apoio ao longo dos anos: MOITAS GRAZAS!